Cronograma

Tal e como se acordou na XV Asemblea Nacional do BNG, o proceso de refundación terá unha duración máxima de doce meses. Este proceso desenvolverase en cinco fases, que estarían suxeitas a revisión en función da conxuntura electoral:

FASE 1: ACTIVAR [marzo-abril]

  • Aprobación dun documento base sobre o proceso o proceso de refundación na primeira xuntanza do Consello Nacional do BNG tras a Asemblea Nacional (12/03/16).
  • Presentación pública da iniciativa tanto a través dunha rolda de prensa nacional (28/03/16) e dun novidoso acto nacional no mes de abril (data sen concretar).
  • Diálogo con todas as persoas independentes que colaboraron con Nós-Candidatura Galega e con todas as persoas non militantes que participaron en candidaturas do BNG nas pasadas eleccións municipais para participar, na forma que se estime oportuna no proceso de refundación nacionalista, impulsando a súa intervención social neste sentido.
  • Interlocución a nivel nacional con forzas políticas e colectivos do ámbito do nacionalismo galego: sindicalismo, ecoloxismo, entidades culturais e de defensa da lingua, movemento feminista, asociacionismo estudantil e xuvenil, novas iniciativas de cooperativismo social, etc. así como de movementos sociais de carácter sectorial para poder partillar análises a respecto deste proceso de refundación e posíbeis vías de colaboración e traballo conxunto.

FASE 2: DEBATER [abril]

Este proceso, a diferenza doutras ocasións, pivotará fundamentalmente sobre a realización de asembleas locais abertas en detrimento de asembleas comarcais. Estas asembleas realizaranse até finais do mes de abril por toda a nación e terán carácter aberto. Na segunda parte deste documento, achégase unha guía de como se deben preparar e conducir estas reunións para facelas o máis operativas e útiles posíbeis. Nesas reunións a militancia e simpatizantes poderán facer propostas concretas a respecto da metodoloxía e o proceso en si mesmo, inclusión de contidos ou debates sobre calquera dos tres bloques temáticos marcados na Asemblea Nacional ou sobre persoas concretas que se poderían incorporar a mesas de traballo sectoriais.

FASE 3: DEFINIR [maio-xuño]

Coas achegas recollidas das comarcas, o Consello Nacional realizará un esquema desenvolvido definitivo de Teses. A continuación, poríanse en marcha as mesas sectoriais de traballo unha vez estabelecido as e os seus membros, metodoloxía de traballo e prazos de entrega dos primeiros documentos.

FASE 4: DECIDIR [setembro-decembro]

Nesta fase, realizaríase un debate Comarcal dos relatorios marcos no que se procederá a emendar exclusivamente aos apartados resolutivos, que culminará coa realización dunha Asemblea Nacional Extraordinaria (Decembro 2016 ou Febreiro 2017) no que se debateran e votarán as propostas. Só se someterán a votación os apartados resolutivos das Teses. Todo o resto formará parte dun debate á globalidade.

FASE 5: APLICAR [2017]

Execución acordos nunha Asemblea Nacional Extraordinaria.